Vigo bótase ás rúas para pedir feminismo


Miles de persoas secundaron a manifestación que pedía "feminismo para avanzar"...

O pasado 8 de marzo a cidade viguesa viviu unha das manifestacións máis numerosas dos últimos anos. Unhas cinco mil persoas encheron as principáis rúas do centro, dende a praza de Portugal ate a Porta do Sol. Cando a cabeceira ía no coñecido como cruce dos catro bancos inda saía xente do inicio do percorrido.

A unidade de todas as forzas vivas da cidade e da contorna, moi afectada nos últimos meses pola violencia de xénero, resaltou de xeito xeneroso baixo unha pancarta na que se lía “Feminismo para avanzar”. Moitos outros cartaces levaban mensaxes relacionados como “Quérennos sumisas. Téñennos combativas”; “¡Educación xa!”; “Non é non”; “Querémonos vivas”; “Fronte á violencia machista, autodefensa feminista”; “Somos o berro das que xa non poden berrar”….

Na manifestación tamén estiveron as organizacións que habitualmente se concentran en defensa dos dereitos da muller. Así, a Marcha Mundial das Mulleres afirmaba na súa que están “construindo o feminismo” e “destruindo capitalismo”. A Plataforma Feminista Galega portaba unha pancarta na que lía “Contra a violencia machista loita feminista”. A Rede de Mulleres Veciñáis contra os Malos Tratos pedía na súa o “dereito a vivir en paz”. As mulleres nacionalistas galegas ían “desafiando o patriarcado”. A CIG estaba “loitando polos nosos dereitos”. CCOO saiu “contra as violencias machistas”. Os Ninguéns en defensa “das nais empobrecidas”. Marea de Vigo levaba unha na que se lía “Marea feminista contra a ofensiva do capitalismo patriarcal”, “non aos recortes nas políticas sociais” e “nin un paso atrás nos dereitos das mulleres”. Esquerda Unida incidía en que “con capitalismo non hai igualdade” e as Xuventudes Comunistas recordaban que “se nós paramos o sistema desplómase”. A do BNG deixaba claro que “as mulleres imprescindíbeis para sair da crise”.

Ao remate da manifestación leuse o Manifesto do Día Internacional das Mulleres que se reproduce a continuación:

“O 8 de marzo conmemoramos o Día Internacional das Mulleres, unha histórica xornada de loita na que pulamos pola dignidade das nosas vidas, polo noso lugar no mundo, na sociedade, na casa, na esfera pública.
Hoxe somos moitas, mais non estamos todas. Cada ano, máis dun centenar de mulleres, de compañeiras, son asasinadas polo terrorismo machista só no Estado español. No pouco que levamos do 2017, xa son máis de 15 as mulleres que pagaron coa súa vida a barbarie deste sistema heteropatriarcal, o número máis elevado deste período nos últimos dez anos. Cómpre sinalar que os datos oficiais non recollen o asasinato das crianzas da muller, un feito de violencia extrema fronte ao que as institucións se lavan as mans. As cifras a nivel global son estremecedoras, case imposibles de imaxinar dende a nosa posición privilexiada. Todas as asasinadas deberían estar aquí, ou en calquera outra praza. Deberían estar vivas, pero non o están, e hai razóns e culpables máis aló dos seus asasinos.
O feminicidio é a punta do iceberg, e baixo este feito extremo agóchanse toda unha serie de violencias e discriminacións machistas coas que pretenden construírnos como mulleres ao seu gusto. Denunciamos dende aquí a violencia dos mal chamados micromachismos (que nada teñen de micro para as que os padecemos), a hipersexualización e cousificación dos nosos corpos, a desigualdade social e económica, a relegación ao traballo non remunerado dos coidados, así como a precariedade laboral, o acoso sexual nas rúas e nos traballos, a dispersión xeográfica, as dificultades de emancipación, o empobrecemento e todos os obstáculos que temos para construír os nosos proxectos de vida.
Padecemos ademais os recortes dos recursos públicos nun falso sistema de benestar que nunca foi tal para as mulleres: a partida da Delegación do Goberno contra as violencias machistas reduciuse case nun 30%. Non hai reformas lexislativas, nin dispositivos especializados contra os diversos tipos de violencias que padecemos. Os medios de comunicación e a sociedade xustifican e perpetúan actitudes patriarcais, chegando incluso a culpabilizarnos das agresións que sufrimos por parte dos homes polo mero feito de ser mulleres.
Todo isto non fai senón fortalecer a nosa necesidade de tecer redes de apoio mutuo, propias e eficaces, porque a loita polos nosos dereitos está chea de dificultades e obstáculos que soas non poderemos salvar. Hoxe facemos un chamamento para que ninguén sexa cómplice desta barbarie, para que todas as mulleres poidan ser donas da súa vida contando cunha gran rede de sororidade baixo os seus pes.
Non é pouco o traballo por facer, pero non partimos de cero. O feminismo ten historia, e xa acadou moito no noso país, e no mundo. Pero sobre todo, ten futuro, e as nosas vidas literalmente dependen de que continúe superando barreiras para todas. O heteropatriarcado quérenos submisas e caladas, pero nós levamos séculos berrando e loitando, e ímolo derrubar.
En todo o mundo as mulleres organízanse para loitar contra este sistema que nos ningunea e asasina. Este ano, as compañeiras feministas de América Latina e doutros lugares do mundo convocan un Paro Internacional de Mulleres para o mesmo día 8 de marzo. Dende aquí, convidámosvos a apoiar e sumarvos a esta iniciativa de xeito individual ou colectivo.
Xuntas, como estamos hoxe, seguiremos construíndo ese movemento feminista amplo e diverso onde todas poidamos sentirnos incluídas, acollidas e empoderadas.
Porque as diferencias que nos separan, non son nada comparado con todo o que nos une: a alegría de combatir con outras, a vontade de achegar todas as voces e a certeza de que sumando, multiplicámonos.
O Feminismo precisa de todas, e todas precisamos do Feminismo!”
Categorías
GalizaGéneros y sexualidadesSucede

Relacionadas

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR